Un pai escoita á súa filla dici-las súas oracións antes de deitarse. A filla di:
– Deus bendiga a mamá, Deus bendiga a papá, Deus bendiga á avoa e Adeus ao avó.
O pai di:
– Adeus avó? Por que dis iso?
– Só porque me deu a gana.
Ao día seguinte, o avó cae morto. O pai non pode cre-la coincidencia, pero decide non cuestionala. Esa noite, volve escoita-las oracións da filla:
– Deus bendiga a mamá e Deus bendiga a papá e Adeus á avoa.
O pai sorpréndese de novo e pregúntalle á súa filla por que, pero ela volve dicir:
– Só porque me deu a gana.
Ao día seguinte, a avoa cae morta e agora o pai está a preocuparse, pero non sabe que facer, así que trata de esquecelo. Esa noite, volve escoitar á súa filla e ela di:
– Deus bendiga a mamá e Adeus a papá.
O pai agora está aterrorizado e cando vai traballar ao día seguinte, chega suando, cancela tódalas súas reunións e escóndese na súa oficina durante todo o día. Non volve a casa e queda alí ata a medianoite. Está moi sorprendido. Enganei á morte! pensa para si mesmo, mentres volve á casa. A súa esposa pregunta:
– Onde estiveches?
– Non me fagas ningunha pregunta, hoxe foi un día lamentable.
– O teu día foi miserable? Pois escoita como foi o meu! Para comeza-lo día, o butaneiro caeu morto no soportal…
Sentistes saudades do voso blog favorito despois de medio ano sen dar sinais de vida? Seguramente non.
Isto significa que vou volver publicar con regularidade? Probablemente non. Pero é que se non publico isto agora, tería que agardar outro ano máis para que teña sentido subilo.
Hai máis de 100 tarros de marmelada no meu armario que teño que vender nalgún momento? Si. Por favor, axuda. Hai de amora, pexego, mazá e canela, cabelo de anxo, marmelo, xalea de mazá e vainilla, xalea de mamelo e mesmo pexegos en almibre. Todo ecolóxico e natural, esterilizado e tratado térmicamente para que aguante anos. Vaites, o mellor agasallo que podedes facer a calquera persoa que se vos ocorra!
E despois deste pequeno spam, imos ao que imos.
Esta receita é especial polo seu significado, non tanto polo seu aspecto culinario. Os colares de zonchos, son típicos do día de defuntos. Sobre todo os nenos levábanos ao pescozo, e durante todo o día ían comendo as castañas que o formaban. Disque cada zoncho que arrincas e papas, é unha alma que liberas do purgatorio.
Lembro que, cando era pequecho, miña nai facíame este colar. E teño o recordo de levalo ao día seguinte ao colexio, todo fachendoso co meu complemento único. E claro, á miña nai, cando era pequena, preparáballo a avoa. Sinto que esta é unha tradición bonita e auténtica. Que o “truco ou trato” dos ianquis non se pode comparar a comparti-los teus zonchos cos amigos.
Agora que medrei, fágome eu os colares, só para poder volver ser neno por un día. E poder senti-la aperta das castañas unha vez máis, con ese peso agradable sobre os meus ombreiros e o peito.
Ingredientes:
- Castañas. Polo menos as suficientes para que o colar colla pola cabeza (20-25), pero pode facerse moito máis longo.
- Un chisco de Sal
- Fío forte, de cánabo, por exemplo
- Agulla grosa (é posible que a estragues un chisco, non collas unha que precises volver usar pra coser)
- Opcional: uns alicates para tirar da agulla
Elaboración:
- Cocémo-las castañas en auga cun pouco sal por media hora ou até que vexamos que están tenras.
- Escoámolas e pasámolas por auga fría para non queima-los dedos.
- Enfiámo-la corda na agulla e anoámola (ou se queremos facela máis resistente, podemos corta-lo dobre de fío, poñe-la agulla na metade para coser con fío duplo).
- Agora imos ensartando as castañas, axudándonos dun alicate para tirar da agulla se queda atorada dentro. Cando teñámo-la lonxitude desexada, anoámo-los extremos da corda e listo!
- Para come-los zonchos, basta con coller un e tirar del, cortándoo así coa corda. Por iso o fío debe ser resistente, para que non parta ao arrincármo-las castañas.
Aquí esta foto de agasallo, cos pelos de tolo que tiña en Lixoboa. Foi bonito manter as tradicións estando noutro país. #morriña ou algo así lol.

marabilloso!! ❤️
GústameGústame