– Camareiro! Desculpe, pero hai unha mosca no meu caldo!
– Non se preocupe, señor. Non vai beber moito.
É curioso como este prato tan simple e sinxelo, é á vez tan rico e aconchegante. A súa versión máis minimalista, a que recolle o “Livro do Pantagruel” (a Biblia da culinaria portuguesa), é só pataca, verza, aceite, auga e sal. Cóce-las patacas; aplástalas cun garfo ou tritúralas; xúnta-la verza cortada en tiriñas até que volva ferver; e listo! Fácil, rápido e vegano.
Resulta doado entende-la súa popularidade no país veciño, onde podes atopalo en toda tasca que se prece. Desde o posto da asociación deportiva da freguesía de Vila Meã, na feira de Cerdal. Até n’A Merendeira, unha sorte de local de comida rápida de Lisboa no que só serven caldo verde e pão com chouriço (un concepto que non entendo como non conquistou aínda o resto de Portugal).
Como a receita que mencionei é demasiado simple para escribir unha publicación enteira, traio esta versión un chisco máis elaborada. Outra opción que vin recollida, sería salta-los primeiros pasos e coce-la pataca, cebola e allo directamente, sen sofrixilos antes.
Ingredientes:
- 600g de pataca
- 250g de verza (Couve-galega)
- 1.5L de auga
- 1 cebola
- 2 dentes de allo
- 1 ou 2 chourizos
- Aceite
- Sal
Elaboración:
- Comezamos pelando as patacas, picando a cebola e os allos (non ten que ir demasiado fino, xa que logo imos trituralo) e lavando as follas da verza. Sofriximo-la cebola e o allo e, mentres tanto, imos chascando as patacas (isto xa o explico noutras receitas).
- Cando a cebola aloure, engadímo-la pataca e deixámola suar por 2 minutos. Pasado ese tempo, xuntámo-la auga quente, que debe cubrilas por completo. E salamos.
- Cocemos uns 20 minutos ou até que a pataca estea ben brandiña, que se desfaga ao apretar. Agora triturámola, engadindo un pouco aceite de oliva, para que quede ben sedosa a crema (que tampouco debe ser demasiado espesa).
- Mentres que está cocendo a pataca, cortámo-la verza. Para iso, quitámoslle o talo e o nervio principal. Despois enrolamos varias follas xuntas, ben apretadiñas, e imos cortando en tiras ben finas, cun coitelo afiado. Pode ser nunha táboa de cortar ou hai señoras que o collen na man e cortan contra o dedo, coma se estivesen pelando unha mazá. Sexa como for, debe queda-lo máis delgado posible.
- Por último, xuntámo-la verza e o chourizo cortado en rodas e cocemos 5-10 minutos, até que abrande a verdura.
- Agora só falta servilo aínda quentiño na cunca de caldo que mercaches por 1.80€ na feira en Portugal. E acompañalo dun pedazo de broa de millo, mentres que soa música pimba de fondo.
