O cura do pobo tiña un horto detrás da igrexa. Un día, o sacristán dille:
– Padre, as cabaciñas medran como pecados.
E o cura respondeu:
– Entón mañá predicarei sobre o arrepentimento… e farei crema de cabaciña.
Un día en instagram saiume esta receita e, aínda que non acababa de crer que estivese tan boa, gardeina. Unhas semanas máis tarde, descubrín unha horta abandonada cunhas cabaciñas que se ían botar a perder. Eu creo que foi o destino que quixo que probase a cociñar isto.
E mereceu completamente a pena tela gardado. Dende entón, xa a fixen 5 ou 6 veces e sempre sae xenial. É extremadamente sinxela, pero resulta deliciosa. Ademais, a verdura aporta humidade e queda así no punto perfecto.
Se queres facer en versión vegana, é ben fácil. Só hai que substituí-los ovos por unha cantidade semellante de bebida vexetal, coma o leite de avea ou soia. Un ovo equivale a uns 50-60ml, polo que 3 serán entre 150ml e 180ml. É dicir, media cunca ou algo máis, así a ollo.
Ingredientes:
- 2 cuncas de Fariña de trigo
- 1 cunca de Azucre (eu mesturo branco e moreno, ti bota o que teñas)
- 1 culleradiña de bicarbonato
- 1 culleradiña de lévedo químico
- 1 cullerada de canela
- 1 culleradiña de sal
- ½ culleradiña de noz moscada
- 3 ovos grandes (ou 4 pequechos)
- 2 cuncas de calabaciña relada
- ¾ cunca de aceite de xirasol
- 1 e ½ cuncas de froitos secos picados (por exemplo: noces ou avelás)
- 1 chorriño de vainilla (opcional, a min sábeme máis sen isto)
Elaboración:
- Relámo-la cabaciña, cun relador groso, non ten que ir finiña.
- Xuntámoslle os ovos, o aceite, o azucre, a vainilla e mesturámolo ben.
- Noutro bol poñémo-la fariña, o lévedo, o bicarbonato, a canela, a noz moscada, o sal e mesturamos.
- Engadimos o seco ao húmido e integramos ben, xuntándolle tamén os froitos secos.
- Por último vertémo-la masa nun molde enmanteigado ou forrado con papel vexetal e levámolo ao forno por unha media hora a 180ºC. Debe quedar un chisco húmido pero sen estar cru, claro. Para comproba-lo punto, podemos empregar un escarvadentes, como xa menciono nalgunha outra receita.
Non esquezas que…
Se saiu masa de máis, non enchas demasiado o molde do biscoito! Aproveita e fai á vez unhas magdalenas con esa masa sobrante, para partillar cos teus amigos.
😍👏🏼👏🏼👏🏼
GústameGústame