Crema de Cabaciña

+Onte fun coller unha cabaciña á horta e atopeime co meu marido tirado no chan: tropezara e caera sobre as cabaciñas.
-Pobre home! E que fixeches?
+Pois en lugar de cabaciña tiven que guisar unhas patacas!

[Chiste extraído do libro de chistes de Gerónimo Stilton]

Esta crema é ideal para o inverno e, en xeral, calquera momento no que non teñas moitas ganas ou tempo de cociñar, pois é algo que se fai axiña. Se a foto parece unha vichyssoise máis ca unha crema de cabaciña, ao mellor é porque esquecín sacarlle foto cando a preparei hehe.

Ingredientes:

  • Unha cabaciña grande ou un par pequenas
  • Un par de porros (ou un grande)
  • Un par de patacas grandes
  • Sal, pimenta e aceite

Elaboración:

  1. Lavamos e troceamos os ingredientes (chascando as patacas, coma explico na publicación da vichyssoise).
  2. Nunha ola a presión metemos todo e botamos auga cubrindo escasamente (que non flote).
  3. Poñemos ao lume e cando a biquela comece a xirar e botar vapor, baixamos o lume e cocemos por 5 minutos. Apagamos e deixamos coa presión 5 minutos máis.
  4. Agora só queda bater. Recomendo retirar un chisco de auga e logo engadila se vemos que está espesa, porque unha vez batido xa non se pode sacar auga.
  5. De non ter pota a presión, é só botar un chisco máis de auga e ir controlando que se fan todas as verduras (pode axudar trocealas máis pequenas).

Non esquezas que…

Sempre se poden facer cambios ou engadir ingredientes, pero ás veces menos é máis, e se non recoñeces o sabor da cabaciña, pérdese un pouco o concepto de “Crema de Cabaciña”.

Deixar un comentario