Coliflor Gratinada

Un día, dous cachos de Coliflor, que eran mellores amigos, estaban andando xuntos pola rúa. Baixaron da beirarrúa para cruzar polo paso de peóns, pero xusto un coche virou a esquina a toda velocidade, e sen tempo para frear, levou por diante a un deles. O outro cacho, chamou no momento ao 112, e axudou ao colega tan ben como puido.

A coliflor malferida, foi levada en ambulancia ao hospital, correndo para a cirurxía. Após unha longa e agonizante espera, o doutor por fin apareceu. Entón, díxolle ao cacho de coliflor que agardaba fóra: “teño noticias boas e noticias malas. A boa é que o teu amigo vai saír adiante”.
“A mala é que quedou vexetal para o resto da vida”.

Eu penso que non se pode pedir máis: unha receita rica, sinxela e rápida. Que ademais rende unha chea e alimenta que dá gusto.

Ingredientes:

  • 1 coliflor
  • 150 ml de leite
  • 2 ovos
  • Queixo relado
  • Sal e pementa

Elaboración:

  1. O primeiro e lavar e trocear a coliflor, mentres prequecemos o forno a 180ºC e poñemos unha pota ao lume con auga e sal.
  2. Cando ferva, cocemos a coliflor por 10-15 minutos. Que non quede branda. Neste paso atopei varios trucos caseiros para que non desprendese un cheirume desagradable: desde botar un chorriño de vinagre a un vaso de leite. A ninguén se lle ocorreu prender a campá extractora, polo que parece.
  3. Mentres coce, batemos o leite cos ovos, engadindo de seguido a metade do queixo e mesturando ben.
  4. Unha vez cociñada, escorremos a coliflor. Se a deixamos logo un par de minutos na pota ou nunha bandexa, veremos como aínda solta auga.
  5. Poñémola nalgún recipiente apto para o forno, cubrimos coa mestura e botamos o queixo que quedaba por riba, cun chisquiño de pementa. Enfornámola e nuns 20 minutos, cando doure, retirámola e servímola ben quente.

Non esquezas que…

Esta é a versión máis rápida e sinxela, pero hai mil opcións máis. Podes preparar rapidamente unha bechamel e substituír o leite e ovos pola bechamel. Podes botar unhas améndoas cara a metade da cocción no forno para decorar e dar un toque crocante. Facer outras salsas, algún sofritido con touciño, coliflor con garavanzos e bacallau…

Deixar un comentario