Ensalada de Wakame e Cogombro

Cliente: Este cogombro está modificado xeneticamente?
Tendeiro: E lo? Por que o preguntas?
Cogombro: Xa, por que o dis?

A ver, non é que sexa unha receita moi complicada, pero está perfecta se non sabes que facer coas algas que che sobraron do prato de Shitake á Feira. E ademais de sinxela é rápida, que máis se pode pedir.

Ingredientes:

  • Unha cullerada de Alga Wakame seca por persoa
  • Medio cogombro por persoa
  • Vinagre de arroz
  • Aceite de sésamo
  • Sementes de sésamo

Elaboración:

  1. Hidratamos as algas en auga morna por uns 10 minutos.
  2. Mentes, imos cortando o cogombro en rodas ben finas. Como paso opcional, podemos poñelos nun bol, salgalos e deixalos repousar por 5 minutiños. E logo secalos ben premendo con papel absorvente. Isto axuda a facelo máis dixestible.
  3. Escorremos ben as algas e xuntámolas co cogombro. Mesturamos ben co vinagre de arroz e rematamos cun chorriño de aceite de sésamo e as sementes.

Non esquezas que…

hai miles de opcións para modificar esta receita: unhas pingas de piri-piri para darlle un toque picante, un chisco de salsa de soia… hai até quen usa azucre ou mel mesturado co vinagre.

Se o sabor das algas resulta moi forte para ti, podes lavalas ben, fervelas por 20 segundos (branquealas) e logo volver lavalas en auga fría.

Outra posible receita coas wakame sería salteadas, engadindo salsa de soia e azucre ou sirope cando as esteas facendo na tixola.

Por último deixo aquí un vídeo moi interesante sobre o Cogombro do Demo. Unha curcubitácea semellante aos cogombros pero tóxica. No seu froito, as sementes están a tal presión que cando madura, cun lene roce, rebenta e sae disparado a varios metros. Na dirección oposta, saen, propulsándoo, as sementes.

Deixar un comentario