Flores de Sabugueiro

É realmente complicado atopar chistes de sabugueiro, pero aquí van 2 datos curiosos:

1. A variña de Dumbledore estaba feita coa madeira desta planta.
2. En portugués, curiosamente, tamén se lle chama sabugueiro.

E máis un chiste dun usuario de twitter que se chama Sauco:

-Por que contestas a todo con monosílabos? Estás enfadado?
-Monosílabos.

Onte fun dar un paseo polas brañas, e comecei a notar un arrecendo familiar. Entón caín: xa estamos no tempo das flores de sabugueiro! Aquí na Galiza non son tan comúns as receitas con esta planta coma noutros países como Dinamarca. Pero se ides ao IKEA, veredes uns cantos produtos con el, pois, como dixen, en Suíza é máis empregado.

A esta receita téñolle cariño, así como ao Sabugueiro, pois foi a pranta da nosa clase en 4º de primaria. De feito, como poderedes ver no final desta entrada, As Receitas do Artur xa publicara esta deliciosa preparación na revista do colexio por aquel entón.

Por certo, se nas próximas semanas non hai receita, non é porque morrese. É peor aínda: chegaron os finais 😦 .

Ingredientes:

  • Flores de Sabugueiro (mellor cando saian, antes de que teñan os estames cargados de pole)
  • 1 ovo por cada 3-4 flores
  • Unha cullerada de fariña
  • Un chisco de sal
  • Azucre

Elaboración:

  1. O primeiro paso é ir ao monte ou a algures e buscar sabugueiros, claro. Cortamos as flores máis xeitosas (canto menos pole e menos bechos mellor) deixando o rabo máis ou menos longo para poder agarralas del cando as fritamos e as comamos. Podemos sacudilas antes de levalas para casa para quitar a maior parte de bechos e de pole.
  2. Lavámolas para quitarlle o pó, pole e becho que queden. O máis cómodo é somerxelas nun bol con auga e axitalas e removelas ben. Despois secámolas ben (pero con delicadeza) con papel absorvente.
  3. Mentres poñemos unha tixola ao lume con abondoso aceite, batemos o ovo coa fariña e o sal para o rebozado.
  4. Unha a unha, imos collendo as flores, pasándoas polo ovo, escorrendo o sobrante e meténdoas na tixola. O aceite debe estar quente.
  5. Cando o ovo calle e doure moi lixeiramente, xa podemos retiralas para un prato con papel absorvente e botarlle un pouco azucre (se queremos).

Non esquenzas que…

As flores estas teñen un sabor peculiar, se é a túa primeira vez, non fagas 50 flores, non vaia ser. O xeito que teño eu de comelas (para minimizar a cantidade de ramiñas inxeridas) é collelas polo talo, pechar os dentes ao redor dun pequeno acio de floreciñas (sen chegar a morder) e tirar con coidado.

Ademais do azucre, este ano probei a botarlles canela e mimá, que ricas estaban.

Este son eu a primeira vez que probei este doce Vs a última vez que as tomei.

E velaquí a receita orixinal:

Deixar un comentario