Lentellas para Parvos

Por que as lentellas non xogan aos naipes?
Porque teñen medo de que as deixen sen cartos.

Pasei media hora pedíndolle chistes sobre lentellas ao ChatGPT e isto foi o mellor que conseguiu. Menudo inútil, non volvo preguntarlle ren. Eis a explicación que lle tiven que pedir, que é o realmente gracioso:

Neste chiste fálase do medo que as lentellas terían de xogar a xogos de cartas, como o póker ou o mus, onde os xogadores usan cartas para apostar diñeiro. A broma xoga coa idea de que as lentellas teñen medo de xogar e perder, quedando sen cartos. A humorada radica no feito de que as lentellas non teñen diñeiro nin poden xogar ás cartas, polo que a situación é cómica.

O paspán do ChatGPT, 07-11-2023. 10:20h

Estaba eu vendo vídeos do Comidista, e creo que descubrín a razón da pasivo-agresividade das miñas introducións. Se a comedia ven por Arguiñano, o ego e as intros degradando aos lectores hei de atribuirllas a Mikel López Iturriaga. Pero que saibades que vos quero un montón e que, aínda que diga o contrario, encántame que opinedes sobre elas (porque significa que as lestes).

E xa sei que teño unha receita de lentellas publicada. Pero é que probei a facer esta e foi tan rápida e sinxela que non podía non compartila. Ademais de ser fáciles e deliciosas, sempre renden moito. E que mellor momento do ano que este para preparalas? Grazas de novo Mikel por tanto ♥.

Ingredientes:

  • 400g de lentellas (pardinas se pode ser)
  • 1 pataca grande ou 2 pequenas
  • 2 cenorias
  • 1 cebola grande
  • 1 dente de allo
  • 5 culleradas de tomate triturado ou relado
  • ¼ de pemento vermello ou ½ verde
  • 1 cullerada xenerosa de pimentón
  • 1 culleradiña de comiño
  • 1 folla de loureiro
  • Aceite de oliva
  • Pementa e sal
  • 100ml de viño branco (opcional)
  • Boniato, cabaza… (opcional)
  • Chourizo (opcional)

Elaboración:

  1. Poñemos as lentellas nunha pota grande con 1,6 litros de auga fría (pode ser necesario engadir máis durante a cocción, pero é mellor comezar con esta cantidade). Se lembras poñelas a remollo un par de horas antes (ou máis) logo cocen máis rápido, pero non é vital.
  2. Engadimos media cebola enteira, o allo, loureiro, pementa negra e sal.
  3. Quentamos a lume medio alto. Cando ferva, baixamos o lume ao mínimo e deixámolo tapado case por completo. O tempo de cocción pode variar entre 30 e 45 minutos: o mellor é ir probándoas e engadir máis auga se están demasiado secas (ollo que non se che peguen ao fondo e se queimen! Comproba de cando en vez). Se tes ola exprés, podes acortar o tempo a 15-20 minutos.
  4. Comezamos o rustrido (sofrito) picando a outra metade de cebola e o pemento. Poñémolo nunha tixola cun bo chorro de aceite e un chisco de sal a lume medio-baxo para ila rustrindo. Tamén lle poderiamos poñer allo, cenoria, apio ou porro picados.
  5. Aos cinco ou 10 minutos, cando a cebola e o pemento abranden, engadimos o tomate. Despois dun anaco engadimos o pimentón e o comiño, removendo durante un minuto. Pódense usar outras especias (curry, cúrcuma, …) ou herbas aromáticas coma ourego, tomiño ou romeu. Se queres, engade viño branco ou o xerez, e agarda un minuto máis ou ata que deixe de cheirar a alcohol.
  6. Mentres facemos o refrito, pelamos a pataca e cortámola en dados ou trozos pequenos. Pelamos tamén a cenoria e cortámola en rodas finas. Engadirémolas ás lentellas cando leven uns 20 minutos cocendo. Podes utilizar outras verduras como cabaza, boniato, alcachofas, acelgas, … Pero sempre tendo en conta os seus tempos de cocción. Tamén carnes ou embutidos previamente escaldados por separado en auga fervendo, para que perdan parte da súa graxa (Branquear).
  7. O último paso é xuntarmos a salsa coa media cebola e o allo das lentellas nun vaso de batedora. Tamén podemos xuntar unhas poucas lentellas e liquidiño das mesmas. Trituramos e engadimos á pota das lentellas, removemos e cociñamos un par de minutos máis, aproveitando tamén para corrixir o sal.
  8. Se as lentellas parecen moi densas, podemos engadir auga ou caldo de verduras. Se están moi líquidas, trituramos un cazo de lentellas e devolvémolas á pota.

2 pensamentos sobre “Lentellas para Parvos

Deixa unha resposta a dmb0037 Cancelar a resposta