Papas de Millo

O psiquiatra ao tolo recén curado:
– Mateo, xa podes ir á casa.
– É mellor que quede aquí.
– Por que? Aínda cres que es un gran de millo?
– Non.
– Entón?
– Eu sei que non o son, pero como podo estar seguro de que as galiñas o saben?

Nos tempos da fame, este prato axudou a sobrevivir a moitas familias. E aínda que agora xa non temos que comela tódolos días, está tan bo que ata podería. Hai infinitas versións desta receita, e cada familia ha ter a súa. E como explicaba na receita das Papas Andaluzas, ata se poden usar outras fariñas. Se queremos facelas extremadamente pobres, podemos usar auga e non leite para fervelas, iso xa a gusto de cada quen.

Sexa como for, son súper fáciles de facer e aínda por riba están deliciosas.

Ingredientes:

  • 800ml de auga/leite (ou mestura ou até caldo)
  • 100g de fariña de millo (nin maicena nin precocida)
  • Un chisco de sal
  • leite e azucre a gusto

Elaboración:

  1. Nun cazo poñemos a quentar a auga. Cando comece a ferver, baixamos o lume e imos engadindo a fariña aos poucos, removendo cunhas varas para que non se formen grumos. Non te preocupes se queda algún, sempre podes desfacelo cun garfo, ou, se a lías moitísimo, pasalas por un coadoiro (non que me tivese pasado).
  2. Deixamos que cozan a lume baixo durante uns 10 minutos, remexendo constantemente para que non se peguen. E se espesan moito, podemos engadir máis líquido.
  3. Vertemos as papas en pratos fondos ou cuncas, sen enchelos de todo. Deixamos que arrefríen un par de minutos, até que se forme unha tea na superficie. De seguido, esparexemos azucre por riba e engadimos leite ao redor.
  4. E xa podemos papalas! Sempre deixando a man o leite e azucre para irlle botando máis se queremos.

Deixar un comentario