Shitake á Feira

A mamá polbo ao seu fillo:
-Imos cruzar a estrada: dáme a man, dáme a man, dáme a man, dáme a man, dáme a man, dáme a man, dáme a man, dáme a man.

Esta receita está moi ben. Non tan ben coma o polbo á feira, pero a textura é bastante similar. O sabor non tanto, pero algo é algo. Así que se es vegano ou o polbo está moi caro ou só precisas un par de racións: eis a solución perfecta!

Ingredientes:

  • 200g de shitake
  • 4 patacas
  • 1 folla de loureiro
  • 1 cullerada de Wakame
  • 1 cullerada de algas Nori
  • Aceite
  • Sal groso
  • Pimentón picante e doce

Elaboración:

  1. O primeiro é poñer a ferver auga coas algas e o loureiro. Mentres limpamos as patacas e cortámolas (non as pelamos). Os shitake tamén podemos partilos para que teñan todos un tamaño uniforme.
  2. Cando rompa a ferver, botamos os cogumelos. Podemos botar tamén as patacas, ou cocelas noutra pota mentres tanto.
  3. Retiramos, intentando separar as algas. Servímolo nun prato e cubrimos con pimentón, sal e aceite abondosos.

Non esquezas…

Limpar ben o prato cun bo cacho de pan. Esta receita admite múltiples variacións, dende os ingredientes (hai quen tamén ferve media cebola ou outras algas) até o método: podemos retirar as algas antes de meter os cogumelos para que sexa máis sinxelo todo.

4 pensamentos sobre “Shitake á Feira

Deixa unha resposta a Montse Cancelar a resposta